Thursday 02 de May de 2024

Íntegro, a Cociña Económica de Ferrol e a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña gañan o Premio Concepción Arenal da Deputación


A asociación para a diversidade funcional recibirá 7.000 euros como recoñecemento á súa traxectoria e ao seu traballo na comarca de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra

A Deputación da Coruña fallou nos últimos días o Premio Concepción Arenal para asuntos de interese social que premia tanto a traxectoria de entidades ou persoas ou un determinado traballo en prol dos colectivos máis desfavorecidos.

Nesta segunda edición do premio, recuperado polo actual goberno provincial tras varios anos sen convocarse, decidiuse recoñecer en primeiro lugar á Asociación Íntegro para a Diversidade Funcional pola traxectoria xeral dunha entidade que leva desde o ano 92 traballando na comarca de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra en prol dos dereitos da persoas con diversidade funcional. Para a concesión deste primeiro premio, dotado con 7.000 euros, o xurado tivo en conta o traballo desta entidade no acceso aos recursos por parte das persoas do ámbito rural.

O segundo e terceiro premio, ambos dotados con 4.000 euros, foron para a Cociña Económica de Ferrol e para a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña, respectivamente.

No primeiro caso, o xurado valorou “un traballo que data do ano 1891 e que se centra na atención das necesidades básicas de persoas en risco de exclusión social da comarca de Ferrolterra”.

Finalmente, en terceiro lugar, o Premio Concepción Arenal distingue o traballo de prevención e intervención integral en trastornos alimentarios realizado desde a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña.

O xurado do Premio Concepción Arenal estivo presidido pola deputada responsable da área de Benestar Social, Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, Zaira Rodríguez, e integrado por técnicos da Deputación Provincial.

Nas próximas semanas fixarase a data para a entrega dos premios aos responsables ou representantes das entidades galardoadas.